Os alumnos e alumnas de 1º ESO e 4º ESO investigar sobre obxectos que teñen un valor sentimental para a súa familia e documentaron un valioso patrimonio histórico. Nalgúns casos os alumnos e alumnas aumentaron a súa comprensión sobre obxectos que xa coñecían e noutros descubriron por primeira vez a orixe e o valor de elementos que ignoraban que existían ou que levan vendo a diario sen percatarse do moito que dicían sobre a historia da familia e como se integraban na historia global.
Esta actividade foi realizado ao abeiro do programa Educación patrimonial, do Plan Proxecta, e tamén do PFPP Redes de cooperación para a memoria democrática e os dereitos humanos. O traballo tamén se realizou no marco do programa Polos creativos.
Deixámosvos unha mostra do patrimonio recuperado e invitámosvos a visitar o Museo virtual KaleidoScapes para coñecer o resto da investigación. Moitos parabéns polo traballo!
Este letreiro era da barbería do meu avó. O establecimento abriu en 1917 en Noia, unha vila costeira galega.
Manuel Seijas non tivo unha infancia doada. Os seus pais morreron moi cedo e tivo que criarse cun cura. Aos 25 anos decidiu abrir o seu propio negocio, para poder gañar algúns cartos e manter a súa nova familia, porque ese ano casou. O cura co que se criara ofreceulle unha profesión así como contactos que axudaran a que o seu negocio tivese éxito. O meu avó estivo ao mando do negocio durante case 70 anos, despois dos que o seu fillo continuou co negocio familiar durante outros cinco anos.
Cando pechou a barbería, a neta de Manuel (a miña nai) herdou o sinal para manter a memoria histórica familiar e lembrar que para acadar os teus soños o traballo duro é máis importante que o diñeiro.
Xoan Seijas, 4º ESO A.
Esta maquina de escribir, foi mercada no ano 1910 polo meu tataravó, Jose María López Blanco, nunha das suas estancias en Cuba.
A máquina foi feita en Estados Unidos e por tanto non ten a letra "Ñ". Viña na súa maleta orixinal de coiro, pero a día de hoxe non se conserva xa que estaba moi estragada.
Álvaro López, 1º ESO A.
Este obxecto é unha cámara Kodak feita en Alemaña. Nunca coñecín o meu avó paterno pois faleceu cando eu nacín, mais o meu pai díxome que o meu avó adoitaba usar esta cámara e por iso el decidiu quedar con ela cando o meu avó faleceu.
Irene Otero, 4º ESO B
Este libro pertenceu ao meu bisavó Vicente. Segundo conta meu pai, o meu bisavó foi un importante médico que traballaba nas concas mineiras do Nalón, en Asturias, recoñecido en todo o territorio por ser un excelente médico e dos poucos que traballaban alí.
Estou segura de que este libro e moitos outros sobre medicina axudáronlle a alargar os seus coñecementos e converterse no prestixioso médico que foi naquela época.
É un libro que se conserva en moi boas condicións malia os seus case 100 anos. É da editorial Labor, S.A., especilizada en libros científicos e técnicos, fundada en 1915 e que desapareceu en 1996.
Ollando este libro descubrín que entre as súas páxinas hai manuscritos e anotacións do meu bisavó sobre os seus pacientes.
Sara Canseco, 4º ESO A
Ningún comentario:
Publicar un comentario