02/10/23

Con gratitude, para Xesús Xiráldez

O día 29 de setembro xubilouse o noso prezado profesor Xesús Xiráldez despois de 39 anos de dedicación ao ensino, 25 deles no IESP de Ames. Durante este tempo exerceu diferentes funcións no noso instituto como a de secretario e profesor de lingua galega e literatura; pero polo que todos e todas o coñecemos máis e polo seu labor de coordinador da nosa biblioteca Carlos Nieto, na que sempre estaba para acollernos cun sorriso, atender amable e pacientemente as nosas sempre urxentes  peticións, guiarnos polas lecturas máis apoixoantes e facer que todo funcionase á perfección. 

A biblioteca non será a mesma sen Xiráldez e sentiremos un gran baleiro cando entremos nela e non o atopemos alí coma sempre; mais, por sorte, prometeu vir visitarnos de cando en vez e seguir en contacto.  

A nosa gratitude cara a Xesús Xiráldez é inmensa, e ninguén mellor para expresala que o noso bardo particular, o profesor Carlos Negro, tamén do Departamento de lingua galega e literatura. Deixamos a seguir a fermosa semblanza que Carlos Negro fixo de Xesús Xiráldez na súa despedida o pasado venres:

(Con gratitude, para Xesús Xiráldez)

Case sempre pasa desapercibido, pero el é o gardián invisible dese lugar secreto onde todo é silencio; podes distinguilo da multitude por levar sempre un dedo manchado de tinta e tamén porque sabe desde hai tempo que os libros arden mal e que neles reside todo canto fomos, todo canto merece ser preservado para que supere os tres segundos de memoria dos peixes, porque non hai noite tan longa que non remate nun golpe de luz á sombra dos bonsais; se o observas, verás que se comporta discretamente como un señor elegante, atende ás voces baixas da historia, respira na salvaxe compaña de milleiros de páxinas que fulguran baixo o sol do inverno e esconxuran a crueldade de abril.

Ao longo dos anos, con extraordinaria paciencia, foi compartindo unha crónica de nós amasada en palabras que nos curan dos males de cabeza e que nos devolven ao paraíso dos inocentes, a esa primeira lectura da infancia á hora da merenda, a un lugar onde os libros son seres queridos que se transforman en illas cotovías, en laranxas de Simbad, en follas novas na biblioteca do futuro, esa que está aínda por escribir.

Beizóns, compañeiro! Beizóns polo teu extraordinario labor de xardineiro das palabras.



O noso compañeiro Paco o poeta, membro do equipo da limpeza do centro, tamén expresou o sentimento xeral de tristura pola marcha de Xesús Xiráldez, desta volta non cun poema senón cun belo debuxo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario