A Comisión de Observación da Natureza do Comité Climático, coa coordinación do profesor de música Xoan-Xil López, está a realizar un apaixoante proxecto de documentación dos sons da natureza no eido do IESP de Ames.
O proxecto consiste en documentar a través de gravacións sonoras as diferentes especies animais presentes no eido do centro en dúas estacións do ano: outono e primavera.
A gravación de sons da natureza de outono realizouse entre o venres, 17 de decembro e o luns 20 de decembro, e nestes momentos o equipo está a proceder á análise dos resultados desas gravacións.
Para a realización da gravación de outono o equipo escoitou unha explicación por parte de Xoan-Xil sobre as características do proxecto e a continuación debateron e decidiron as dúas árbores nas que se colocarían as gravadoras e o período de tempo durante o que se realizarían as gravacións. As árbores seleccionadas foron un carballo, ubicado na fraga do NW, preto da charca, e un salgueiro, ubicado na zona SW do eido. Os alumnos e alumnas decidiron que as gravacións se realizarían no lusco e fusco e no mencer, entre 18:30 e 21:00 e entre 6:30 e 8:00 respectivamente.
O venres, 17 de decembro, comezou o proceso. Antes de colocar as gravadoras, Xoan-Xil explicou o funcionamento das gravadoras e do programa AudioMoth co que se programan as gravadoras. Os períodos de gravación foron divididos en seccións de 15 minutos.
A continuación as gravadoras foron colocadas nas árbores correspondentes, asegurando a correcta recepción do son.
O luns, 20 de decembro, o equipo, intrigado e ilusionado, recolleu as gravadoras. Xoan-Xil explicou os pasos para o axeitado procesado dos arquivos cos programas Izótope e Audacity, de xeito que poidan ser identificadas as especies e individualizados os sons de cada unha delas en documentos sonoros cunha calidade adecuada para o seu arquivo e publicación.
Na primeira fotografía podedes ver o espectrograma dun dos arquivos de 15 minutos e na segunda fotografía podedes apreciar as ondas formadas polo reclamo dun merlo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario