Malia moitos elementos desta celebración írense perdendo co pasar do tempo, aínda se ven algúns restos desta festividade na nosa contorna, por exemplo coa colocación de ramiños de xestas nas portas das casas ou nos coches.
Para que non se perda esta celebración da natureza, desde a biblioteca preparamos varias actividades en colaboración co equipo de Dinamización lingüística, a FPB de Agroxardinería e composicións florais e os departamentos de Lingua e literatura galega e Xeografía e Historia.
Os alumnos e alumnas de 1º FPB de Agroxardinería e composicións florais construíron un precioso maio que está exposto na biblioteca. É unha obra efímera polo que será retirado en pouco tempo. Aproveitade a ocasión para ir velo!
O alumnado de 3º ESO da materia de Lingua galega e literatura estudou os maios como manifestación poética e fixo as súas propias creacións. Podedes desfrutar dos maios creados nunha exposición situada na biblioteca, así como en diferentes gravacións de podcasts.
Por último, deseñamos uns marcapáxinas para conmemorar este día no que se unen as creacións do alumnado de diferentes cursos da materia de Xeografía e Historia coas creacións do alumnado de Lingua galega e literatura. Os alumnos e alumnas de Xeografía e Historia realizaron o escaneado das flores do eido do centro que aparecen no anverso do marcapáxinas, así como a identificación da especie, mentres que no reverso amósanse maios seleccionados entre os realizados polo alumnado de Lingua galega e literatura. Podedes coller o modelo que máis vos guste cando visitedes a biblioteca!
Ningún comentario:
Publicar un comentario