Durante este curso vanse desenvolver no no centro un Programa de Formación Permanente do Profesorado (PFPP) e un Seminario intercentros. Trátanse de programas de formación promovidos pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, e o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI)
Dentro do PFPP levaranse a cabo tres itinerarios: Biblioteca, Florería e Polos creativos. O seminario intercentros ten como temática o Dereito ao hábitat rural.
A primeira sesión de formación e traballo en grupo desenvolveuse ao abeiro do Seminario intercentros Dereito ao hábitat rural. Tivo lugar o sábado, 15 de novembro e foi impartido por Arquitectura sen fronteiras e nel participarán 15 centros educativos de educación primaria e secundaria.
Durante a xornada, alternáronse explicacións sobre o Dereito ao hábitat rural, da man de Ana, Alberto, Lucía e Rebeca, e actividades de dinamización e posta en común de coñecementos e experiencias por parte do profesorado participante.
A segunda sesión tivo lugar o 29 de novembro e dividiuse nunha primeira parte de formación en aspectos teóricos xunto con realización de dinámicas de grupo, e unha segunda parte na que cada centro educativo realizou unha presentación dos proxectos que estaban levando a cabo co seu alumnado.
A seguir foi o turno do PFPP, en concreto o itinerario de Florería, que tivo lugar o martes, 18 de novembro. A formación foi impartida por Ángela, florista da Florería Adriá, de Brión, e participou un total de 13 profesores e profesoras. Durante a sesión, Ángela aprendeu ao profesorado a técnica para facer centros florais e grilandas.

O día 4 de decembro comezou a andar o Itinerario de Biblioteca para a elaboración do Plan de Lectura Escritura e Acceso á Información (PLEA) do centro. A sesión estivo a cargo de Diego Rúa, asesor PLEA do noso centro e nela participaron 14 profesoras. A sesión dividiuse en dúas partes, a primeira de introdución ao PLEA e a segunda de análise do contexto do IESP de Ames como base para o desenvolvemento do PLEA.
O 11 de decembro tivo lugar a primeira formación do Itinerario de Polos creativos, no que participan 19 profesores e profesoras. Esta formación foi impartida por Ramón Moares e tivo como obxectivo familiarizar ao profesorado co manexo do plóter para a impresión de vinilos de diferentes tipos.