23/09/25

Patio con(vida) VII

Comezamos un novo ano do proxecto Patio con(vida) para mellorar o desenvolvemento ecosocial do eido do centro. Este proxecto enmárcase no Proxecto Terra do Plan Proxecta.

Na nosa primeira saída de exploración polo eido atopamos varias sorpresas. Os días de chuvia de comezo de curso posibilitaron a aparición de diferentes especies de fungos, un deles este fungo típico de zonas de fraga e de finais de verán e comezos de outono. Sabedes como se chama esta especie?



Outro elemento destacado é a cantidade de landras que teñen os carballos (Quercus robur). Sabiades que non todos os anos teñen a mesma cantidade delas? Este é un ano de landras, é dicir, un ano en que os carballos dan máis landras do habitual. Os científicos barallan diferentes hipóteses sobre o motivo de que se produzan estes anos de maior produción. Unha delas é que se deba a condicións meteorolóxicas, asociándoos a temperaturas altas e seca. Sexa como for, o refraneiro galego xa fai referencia a estas situacións como se ve no refrán: Ano de landas, ano de graxas.


E xa comezaron os traballos para retirar a lona do xardín norte. Mirade que ben está quedando!

O xardín creado polo alumnado de FP Básica de Agroxardinería e composicións florais o curso pasado xa floreu, e con algunhas das súas plantas o alumnado de 2º FP Básica de Agroxardinería realizou unha coroa floral para a biblioteca.

A grilanda foi feita sobre base de palla, con hortensias e flores secas e está situada á entrada da biblioteca para que poidades desfrutar dela.

Moitas grazas por este agasallo tan fermoso!

Despois desta primeira grilanda, o alumnado seguiu practicando con diversos elementos do eido como follas secas das diferentes árbores do eido (pradairo, arce tridentino, carballo americano, liquidambar), fentos secos, e flores secas plantadas o curso pasado (virasol, hortensia).

Tamén experimentaron coa base da grilanda, se ao primeiro usaron bastidores mercados, despois xa se animaron a facer os seus propios bastidores con vimbios da arquitectura viva, contribuíndo á economía circular e a sostibilidade ambiental. Moitos parabéns!

Ningún comentario:

Publicar un comentario